Amosando publicacións coa etiqueta crise economica. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta crise economica. Amosar todas as publicacións

xoves, 5 de xaneiro de 2012

UNHA RECEITA PARA SAÍR DA CRISE

Debe de ser esta unha das cen mil solucións que se teñen dado para saír da crise, pero ao mellor acerto. Din que a ignorancia é moi atrevida, e eu son moi atrevida (ergo...).


A política de recortes drásticos que se está facendo en toda Europa estanos levando ao abismo, isto non o digo eu senón varios premios nobel de economía (véxase por exem. Joseph Stiglizt ou Paul Krugman). Unha das consecuencias desta crise financiera que sufrimos é a falla de confianza. Os propios bancos non se fían uns dos outros e non se prestan diñeiro entre eles. Falla tamén a confianza dos mercados nos países de economías máis febles, que deben pagar xuros máis altos pola súa débeda pública, o que os afunde aínda máis, as axencias de cualificación colaboran tamén con dilixencia neste feito. Como ninguén se fía de ninguén, falla o aceite do crédito que engraxa toda a engrenaxe da economía capitalista e fai que esta non funcione. E o diñeiro que podería desatascar a situación non chega nin a empresas nin a familias.

A última medida do Banco Central Europeo e o seu director Mario Draghi (ex-directivo de Goldman Sachs, o maior banco de inversión do mundo, non o esquezamos) din os xornais que foi moi audaz (ver suplemento de economía do País do 31.12.2011). Parece ser ser que abriu “a barra libre do crédito”, ofrecendo amplísima financiación aos bancos a un 1% de taxa de xuro, que estes empregaron en gran medida en comprar débeda pública dos estados (parece que aínda se fían deles). Con isto cumpríase un dobre obxectivo: 1) por un lado facer baixar a prima de risco de moitos países (a máis demanda, baixa o prezo dos xuros) e baixa así o custe de financiación para os estados que alivia as súas contas. E 2) mellórase o balance dos bancos, que collen diñeiro a un 1% polo que o tesouro público español lles paga sobre un 5% (en realidade quen o pagamos somos os contribuíntes coas subidas de impostos do noso goberno). Mentres tanto, pouco dese diñeiro chega a familias e empresas.

E digo eu, non sería preferible que fose o BCE o que prestase ese diñeiro directamente (sen bancos polo medio) aos Estados con dificultades? Pero non, parece ser que as normas do BCE e a Sra Merkel o impiden. Ademais deste xeito axudamos a salvar aos bancos, que sospeito que aínda están peor ca nós (en realidade iso é do que se trata)


Vou coa miña receita, como parece que os que nos dirixen non queren ou non son capaces de sacarnos desta situación, propóñolle unha cousa á cidadanía. Teño lido que a cifra de depósitos dos españois nos bancos en xuño do 2011 é de algo máis dun billón de euros, e que a nosa débeda pública en nov. do 2011 era duns 577.000 millóns, ou sexa a metade da cifra anterior. Se só a metade deses aforros que agora están nas entidades bancarias os investísemos en débeda do Tesouro Público (letra, bonos, obrigacións...) que é o que están facendo os bancos, así que non debe de ser menos seguro que deixalos onde están; pois deste xeito ao mellor conseguíamos tamén un dobre obxectivo: 1) Baixar a prima de risco da nosa débeda (lembrade, a máis demanda menos prezo de xuros) polo que dispoñeríamos de máis diñeiro para sanidade, educación, infraestruturas... e 2) financiaríamos a nosa débeda pública a un menor custe e sen pagarlle o xuro aos bancos, senón que alomenos este xuros iría aos nosos petos. Conseguiríamos tamén un terceiro obxectivo que vos vai soar un pouco radical: a creba do sistema bancario. Non serían capaces de aguantar a devolución dos depósitos, habería que intervilos e nacionalizalos. E entón sería o BCE o que prestase, agora si, o diñeiro a empresas e familias, a xuro 0 e a economía produtiva podería empezar a funcionar. Estou convencida de que non saímos desta crise sen a creba do sistema bancario (que é o que se está intentando evitar a toda costa e a costa de todos nós).


Que vos parece? Perdemos algo intentándoo? Os nosos aforros por poucos que sexan (dende mil euros pódense mercar letras do tesouro) non estarían menos seguros que nos bancos ou debaixo do colchón (ollo! tampouco máis). Visitade a páxina do tesouro público, informádevos do procedemento, é sinxelo, ter certificado dixital ou DNI electrónico, cubrir un formulario online e facer unha transferencia bancaria (esixide ao banco que o faga sen cobrar comisión) a próxima poxa de Letras é o 20 de xaneiro. Eu vouno facer.

venres, 23 de decembro de 2011

UN RELATO DE CIENCIA-FICCIÓN

“ Era o ano 2118 os EUA vían vir a perda da súa hexemonía mundial a mans de potencias asiáticas como China e India.

Moitos anos antes o mundo estivera dividido en dous bloques antagónicos: un capitalista e outro comunista, a existencia deste contrapeso político fixera que os países capitalistas mimasen as condicións de vida dos seus traballadores por medo a unha revolta social e por facer de escaparate das bondades do sistema fronte ao bloque comunista. Pero no ano 2089 o bloque comunista desplomouse e os capitalistas celebraron triunfalmente o éxito definitivo do seu sistema, era “a fin da historia”, na que quedaba demostrado que o sistema capitalista era o único válido. A codicia dos axentes económicos disparouse, o predominio da economía produtiva deixou paso á economía financeira. Xa non era preciso mellorar os soldos dos traballadores, pero era necesario que continuasen consumindo para que o sistema seguise funcionando, así que se fomentou o crédito. Os salarios non subían e os traballadores endebedábanse, os beneficios das entidades financeiras disparábanse, por pequeno que fose o seu soldo podían mercar unha casa, o banco daba todas as facilidades, a demanda de casas aumentaba e polo tanto o seu prezo, ata cando? Ata que a burbulla reventou. O sistema capitalista (igual que antes o fixera o comunista) víñase abaixo,coa quebra masiva de bancos e empresas... O goberno americano tivo que deixar a un lado os seus principios ultra liberais e inxectar diñeiro no sistema financeiro, a General Motors, a principal empresa automobilística do mundo, foi nacionalizada!. A globalización estendeu a crise por todo o mundo. Un presidente francés dixo que había que “reformular o capitalismo” poñer controis ao sistema financeiro. O pánico chegou aos despachos de banqueiros e especuladores e decidiron tomar eles o control da situación: eliminaron mediante un escándalo sexual ao presidente do FMI e lanzáronse á conquista de Europa. A Unión Europea era o último resto que quedaba de ideas socialistas que fomentaban a regulamentación económica por parte do Estado e a existencia dun niveis de benestar para os seus cidadáns. Ataques especulativos e control sobre os gobernos converteron a desmesurada débeda bancaria en débeda pública, ao transvasarse masivamente capital dos Estados, aos bancos con ameaza de quebra. As axencias de rating colaboraron reducindo a cualificación da débeda dos países, empezando polos de economía máis feble. Os intereses que entón tiñan que pagar para financiar a débeda eran desmesurados e conducían directamente á quebra destes países. A economía de Grecia, Irlanda e Portugal foron intervidas. A intervención supoñía ceder soberanía. En Grecia e Italia quitouse do poder ao presidente democraticamente elixido, no seu lugar situaron a ex-directivos de Goldman Sachs, tamén no Banco Central europeo; e o novo ministro de economía español era “ un home do sistema” ex-directivo de Lehman Brothers, o banco que vendeu hipotecas lixo por todo o mundo e dou inicio coa súa quebra a toda a crise posterior. Durísimas medidas de axuste sobre as clases traballadoras fixeron que as entidades financeiras recuperasen os seus ingresos, estábase transvasando riqueza dende as clases humildes e medias cara as clases ricas. O Estado do benestar facía augas. Curiosamente esta invasión de Europa coincidía no tempo coa retirada militar das tropas americanas de Irak, semellaba que xa non facía falla controlar este conflitivo país se había outras fontes de ingresos. Nacía un novo concepto bélico, “A Guerra Económica”. O obxectivo estábase cumprindo, as democracias europeas desaparecendo, os salarios dos traballadores diminuíndo, a inviabilidade dun estado do benestar demostrada...”


Isto que acabo de escribir podería ser un relato de ciencia-ficción como os que fai o meu amigo Moncho Caride, senón fose perigosamente parecido á realidade. Non sei se vos decatastes que nos están roubando o presente, pero non quero ser pesimista, o futuro aínda é noso.


A que isto escribe deséxavos unhas boas festas e que disfrutedes do que menos diñeiro nos costa: estar cos que máis queremos.

luns, 28 de novembro de 2011

COUSAS QUE NON ENTENDO DESTA CRISE

1) Os países “periféricos” da zona euro, os chamados por mal nome PIIGS (Portugal, Italia, Irlanda, Grecia e España) son os que se atopan en máis dificultades coa súa débeda pública. Pero se consultamos certas estatísticas atopamos que a débeda do goberno (débeda soberana) é dun 67 % en España e dun 81 % en Reino Unido, 83% en Alemaña e 100%! en EEUU. Se miramos o reparto da débeda total dos Estados entre o número de habitantes tamén saen datos estraños: En Grecia cada habitante debe 38. 073 euros, 41.366 España e 66.508 en Alemaña e 117.580 en Gran Bretaña!!. Pero de quen desconfían os mercados é dos PIIGS.

2) Financiar a débeda alemá (bono a 10 anos) costa en torno ao 2% de tasa de xuro (interés) anual, a inglesa un pouco máis, a española sobre o 7% e a grega 50%!!!. Os inversores piden máis xuros para comprar a débeda porque teñen medo de que non lla devolvan, e a ese tipo de xuro como lla van devolver?

3) Aos directivos dos bancos e caixas quebrados non só non se lle esixen responsabilidades civís nin penais senón que se lles premia con fortes indemnizacións, mentres as directrices económicas do FMI e da Unión Europea esixen aos países con dificultades favorecer o despido dos traballadores, baixar salarios e facer recortes sociais. Mentres tanto os mesmos que dirixían as axencias de cualificación (que horas antes de que caese Lehman Brothers dábanlle a AAA de máxima solvencia) e os bancos quebrados son os dirixentes económicos do goberno de Obama (ver a peli Inside Job) e están tamén detrás de moitos gobernos europeos.

DOCUMENTAL INSIDE JOB from juliovillano on Vimeo.


4) En plena crise económica a porcentaxe de persoas que teñen máis dun millón de euros aumentou a 10, 9 millóns de persoas en 2009 (un 8,3 % máis) e mentres que pequenas e medianas empresas están pechando as portas e botando traballadores á rúa os beneficios das 35 maiores empresas españolas subiu un 24,7 % en 2010 (moi recomendable ler Hay alternativas na web de ATTAC).

COUSAS QUE CONSEGUÍN ENTENDER DESTA CRISE

1) Sobre os bancos centrais europeo e americano pesan os prexuízos da historia. Os EEUU sufriron a gran Depresión dos anos 30 que supuxo unha recesión económica sen precedentes e debido á falta de consumo unha forte deflación. Pola contra o Banco Central Europeo, con sede en Frankfurt, ten o recordo seguramente da crise Alemá dos anos 20-30 e a súa hiperinflación. Deste xeito a Reserva Federal americana é mais dada a ter intereses baixos e aumentar o diñeiro en circulación para estimular a economía e evitar unha nova depresión. E o Banco Central Europeo prefire evitar medidas que provoquen un aumento da inflación algo que ademais prexudica aos alemáns que son unha nación aforradora (exportan moito e a súa balanza comercial ten superávit) polo que a Sra Merkel non quere oír falar de nada que poña os aforros alemáns en perigo, co risco de botar abaixo todo o proxecto europeo. Xa o dixo o ex-chanceler alemán Helmut Kohl (conservador como Merkel pero intelixente) que o que el fixera pola construción europea o estaba agora desfacendo a súa compatriota.

2) Hai un dito en EEUU que di que ningún banco ou sociedade lle pode gañar un pulso á Reserva Federal pola sinxela razón de que esta ten a capacidade de poder fabricar todo o diñeiro que queira e iso frea calquera ataque especulativo contra a súa débeda.



3) Recomendo encarecidamente ver o vídeo, diñeiro como débeda, a conclusión á que chega é que en realidade os bancos non teñen diñeiro, senón que prestan o diñeiro que os bancos centrais dos estados fabrican e avalan, e entón por que temos os cidadáns dos estados que pagar aos bancos por un diñeiro que é noso? Curioso paradoxo que non se resolverá mais que pola vía de control dos mercados que ameazan con quebrar todo o sistema (pero sempre ao seu favor). Ou será mellor que rebente todo e empecemos con reglas de xogo novas e sen cartas marcadas? Que tal nacionalizar os bancos e que o Estado preste o diñeiro sen cobrar xuro ningún?. Esa idea apúntase no vídeo do que falei.

Mario Draghi actual Pte do Banco Central Europeo, ex-directivo de Goldman Sachs, banco americano investigado polo Congreso dos EEUU pola súa implicación no estalido da crise financieira

O Banco Central Europeo debería dar un golpe na mesa e dicirlle aos mercados de quen é o diñeiro e non ao revés como está pasando. Témome que isto non vai suceder xa que o actual presidente do Banco Central Europeo é Mario Draghi, ex-directivo do banco americano de inversións Goldman Sachs, que tivo gran protagonismo nas causas da crise grega e que axudou ao seu ex-goberno conservador a falsear as contas para que Grecia entrase no euro.

Definitivamente vamos ter que ser os cidadáns os que demos o golpe na mesa e canto antes se faga, mellor.

ESTE ARTIGO ESTÁ PUBLICADO TAMÉN NA WEB CAMBADOS TK

sábado, 22 de maio de 2010

SOBRE A CRISE (III). FUNCIONARIOS

A semana pasada recibimos a nova do recorte dun 5% (de media) no soldo dos funcionarios públicos e os aínda máis incomprensibles recortes en pensións e persoas dependentes. Como funcionaria que son asumo este recorte como un favor que me pide a miña empresa que é o Estado ante unha situación difícil, e probablemente non vaia á folga convocada polos sindicatos, pero teño que mostrar o meu descontento.

O que se di dos funcionarios e funcionarias:

- Que temos un traballo fixo. A esencia mesma do posto de funcionario esixe precisamente eso, que os funcionarios accedan ao seu posto de traballo a través dun proceso de selección, en moitos casos moi esixente, e que non estén a merced do goberno de turno que poña ou quite persoal da administración do Estado segundo o seu interese político. O actual modelo non é bo? e a súa alternativa si?

- Que cobramos moito, eso habería que discutilo porque cando eu chamo a un electricista e me cobra 60 euros por un pequeno arranxo, ou levo o meu coche ao taller e a hora de traballo debe andar cerca de 30 euros ou a miña perruqueira me cobra 18 euros por media hora de traballo empezo a pensar si realmente é así. E xa non falemos de profesionais liberais como dentistas, avogados, arquitectos etc (que por certo case nunca dan factura, anque do noso soldo se desconta sempre o 20% de impostos ). Y en todo caso cobremos moito ou pouco cobramos sempre o mesmo, independentemente de que as cousas vaian ben ou mal, e cando o Estado ten superávit ninguén se lle ocurre subirnos o soldo, pero si ten déficit somos os primeiros en pagalo.

- Que somos moitos, somos os que ocupamos as prazas que convocou a administración do Estado, nin máis nin menos, supoño porque se precisaban neste Estado do Benestar (?) no que vivimos e no que o Estado presta unha gran cantidade de servizos aos cidadáns. Cerca do 50 % do funcionariado pertence a educación e sanidade e a media de funcionarios es España é similar á de países do noso entorno: España 5,52 % da poboación, algo por riba de Gran Bretaña 3,41 ou Alemaña 5,47% e bastante por debaixo de Bélxica 8%, Francia 8% ou Finalandia 10,6 %, (ver este enlace)

- Que non traballamos, nós facemos o que se nos pide, se algún funcionario ou funcionaria non cumpre probablemente o culpable sexa o seu xefe superior que non controla o que debería. Pero para ser realista si pode ser certo que hai unha porcentaxe, non creo que moi grande, de funcionariado que podería facer mellor o seu traballo, pero cando se di que non traballamos se está falando de máis de 2,6 millóns de traballadores entre os que están: os médicos e enfermeiras dos hospitais que atenden desbordados as urxencias e ás veces sufren agresións, os funcionarios de prisións, os profesores que atenden a alumnado inmigrante con problemas de integración ou con dificultades de aprendizaxe, policías e garda civís que se xogan a vida, xuíces e funcionarios de xulgados saturados, bombeiros etc, etc, etc.

En fín eu asumo o recorte, non me queda outra, pero co compromiso de que non sexamos nós só os que fagamos o sacrificio:

- Vaise facer algo coas SICAV que tributan ao 1%, cando os intereses de calquer conta bancaria teñen unha retención do 19%?


- Vai a UE, esa que tanto se congratula das medidas de axuste do goberno español, facer algo en relación a paraísos fiscais na propia Unión como Luxemburgo ou fóra dela como Suiza, Andorra ou Mónaco? a onde saben de certo que vai diñeiro non declarado a facenda ou de actividades ilícitas.


- Vaise facer algo para simplificar a estrutura política do Estado Español, na que temos 4 administracións: a estatal, a autonómica , a provincial e a local? Saben que esto supón 1 presidente do goberno, X ministros, 17 presidentes autonómicos, X conselleiros x 17, X directores xerais, X subdirectores xerais, X altos cargos, 8112 alcaldes, 65896 concejales, 1206 parlamentarios autonómicos, 1031 diputados provinciales, 650 diputados y senadores… multiplicade esto por soldos, dietas e coche oficial,chófer e proteción policial en moitos casos.


Hoxe aparecen nos xornais algúns titulares interesantes:




Zapatero demora el impuesto de los ricos


Sus fechorías salen gratis: paga el ciudadano.Directivos y políticos que sumieron al mundo en la crisis quedan impunes - Preocupa la tolerancia con la irresponsabilidad



domingo, 14 de marzo de 2010

SOBRE A CRISE (II)



Resulta cando menos curiosa a iniciativa de estosololoarreglamosentretodos.org, esta parece ser que parte da "Fundación Confianza", supostamente unha fundación sen ánimo de lucro anque apoiada económicamente por importantes empresas españolas, que son as que están pagando a importante cobertura publicitaria nos medios de comunicación. Levanta certa desconfianza o apoio destas grandes empresas, pese a ter o aspecto de ser unha iniciativa cidadá. Pero resúltame interesante seguir a súa evolución por ver a onde pode chegar unha iniciativa que se desenvolve fundamentalmente vía internet e que invita á participación cidadá. Son das que penso que internet pode cambiar o mundo e que os nosos fillos ou netos (eu non) quizais poidan ver unha democracia global na que a paticipación cidadá vai ter moito peso. Mira un dos seus videos:






Ao mesmo tempo xurden tamén contrainiciativas interesantes como as de estosololoarreglamossinellos.org que con menos medios económicos plantexan unha crítica bastante dura ao sistema. Este é un dos videos que aparecen na súa web:





Visita as dúas webs e dinos que opinas.

sábado, 20 de febreiro de 2010

SOBRE A CRISE (I)



A actual crise económica que padecemos iníciase nos Estados Unidos no ano 2008. As causas están relacionadas coa especulación inmobiliaria e os productos de "enxenería financeira" que os bancos americanos sacaron para aumentar os seus beneficios. O estoupido da "burbulla inmobiliaria" que levou a que os prezos dos inmuebles (pisos, casas etc.) deixaran de subir,fixo que se iniciara unha crise bancaria e financieira que debido á globalización e á conexión internacional entre todos os mercados de capitais, salpicou a case todo o mundo. En setembro do 2008 prodúcese a quebra de Lehman Brothers, un banco de inversión e das compañías hipotecarias Fannie Mae e Freddie Mac e a aseguradora AIG. O goberno norteamericano interveu inxectando centos de miles de millóns de dólares para salvar algunhas destas entidades. As quebras estendéronse tamén por Europa e a falta de liquidez (diñeiro dispoñible) dos bancos levou a unha restrición dos créditos a empresas e particulares que ocasionou a actual crise económica, con quebra de empresas e aumento do paro.

Dun xeito divertido, e non de todo desacertado, o explica este texto que nos enviou unha vez máis, o noso bó amigo Xaime Pillado:

EXPLICACIÓN DA CRISE MUNDIAL

DÉBEDAS E BURROS

Pedíuselle a un asesor financieiro que explicase a crise bursátil mundial dunha forma sinxela para que a xente de a pé entenda as súas causas e intentouno así:

“Un home foi a un pobo e ofreceulle ós seus habitantes mercarlle cada burro que tivesen a 100 euros. Boa parte da poboación vendeu os seus animais.

Ao día seguinte ofreceu mellor prezo, 150 euros por cada burro, e , así, outro tanto da poboación vendeu os seus burros.

Despois ofreceu 300 euros e o resto da xente vendeu os seus últimos burros. Ao ver que non había máis animais ofreceu 500 euros por cada burro que conseguisen,e voltaría para a semana seguinte.

Ao día seguinte mandou ó seu axudante cos burros que comprou ó mesmo pobo para que ofrecese os burros a 400 euros cada un. Ante a posible ganancia todos os habitantes compraron os seus burros a 400 euros e quen non tiña cartos pediunos prestados. Aínda compraron tamén os burros dos pobos do lado.

Como era de esperar este axudante desapareceu, igual que o comprador.

Á semana seguinte na aldea había un feito: estaba chea de burros e endebedados.



Na mesma liña está este video do programa de Buenafuente no que o peculiar ex-profesor Leopoldo Abadía dá a súa versión das causas da crise:






Por suposto tamén é recomendable ver o último documental de Michael Moore sobre o tema: "Capitalism, a love story", do que xa temos falado.