venres, 23 de decembro de 2011

UN RELATO DE CIENCIA-FICCIÓN

“ Era o ano 2118 os EUA vían vir a perda da súa hexemonía mundial a mans de potencias asiáticas como China e India.

Moitos anos antes o mundo estivera dividido en dous bloques antagónicos: un capitalista e outro comunista, a existencia deste contrapeso político fixera que os países capitalistas mimasen as condicións de vida dos seus traballadores por medo a unha revolta social e por facer de escaparate das bondades do sistema fronte ao bloque comunista. Pero no ano 2089 o bloque comunista desplomouse e os capitalistas celebraron triunfalmente o éxito definitivo do seu sistema, era “a fin da historia”, na que quedaba demostrado que o sistema capitalista era o único válido. A codicia dos axentes económicos disparouse, o predominio da economía produtiva deixou paso á economía financeira. Xa non era preciso mellorar os soldos dos traballadores, pero era necesario que continuasen consumindo para que o sistema seguise funcionando, así que se fomentou o crédito. Os salarios non subían e os traballadores endebedábanse, os beneficios das entidades financeiras disparábanse, por pequeno que fose o seu soldo podían mercar unha casa, o banco daba todas as facilidades, a demanda de casas aumentaba e polo tanto o seu prezo, ata cando? Ata que a burbulla reventou. O sistema capitalista (igual que antes o fixera o comunista) víñase abaixo,coa quebra masiva de bancos e empresas... O goberno americano tivo que deixar a un lado os seus principios ultra liberais e inxectar diñeiro no sistema financeiro, a General Motors, a principal empresa automobilística do mundo, foi nacionalizada!. A globalización estendeu a crise por todo o mundo. Un presidente francés dixo que había que “reformular o capitalismo” poñer controis ao sistema financeiro. O pánico chegou aos despachos de banqueiros e especuladores e decidiron tomar eles o control da situación: eliminaron mediante un escándalo sexual ao presidente do FMI e lanzáronse á conquista de Europa. A Unión Europea era o último resto que quedaba de ideas socialistas que fomentaban a regulamentación económica por parte do Estado e a existencia dun niveis de benestar para os seus cidadáns. Ataques especulativos e control sobre os gobernos converteron a desmesurada débeda bancaria en débeda pública, ao transvasarse masivamente capital dos Estados, aos bancos con ameaza de quebra. As axencias de rating colaboraron reducindo a cualificación da débeda dos países, empezando polos de economía máis feble. Os intereses que entón tiñan que pagar para financiar a débeda eran desmesurados e conducían directamente á quebra destes países. A economía de Grecia, Irlanda e Portugal foron intervidas. A intervención supoñía ceder soberanía. En Grecia e Italia quitouse do poder ao presidente democraticamente elixido, no seu lugar situaron a ex-directivos de Goldman Sachs, tamén no Banco Central europeo; e o novo ministro de economía español era “ un home do sistema” ex-directivo de Lehman Brothers, o banco que vendeu hipotecas lixo por todo o mundo e dou inicio coa súa quebra a toda a crise posterior. Durísimas medidas de axuste sobre as clases traballadoras fixeron que as entidades financeiras recuperasen os seus ingresos, estábase transvasando riqueza dende as clases humildes e medias cara as clases ricas. O Estado do benestar facía augas. Curiosamente esta invasión de Europa coincidía no tempo coa retirada militar das tropas americanas de Irak, semellaba que xa non facía falla controlar este conflitivo país se había outras fontes de ingresos. Nacía un novo concepto bélico, “A Guerra Económica”. O obxectivo estábase cumprindo, as democracias europeas desaparecendo, os salarios dos traballadores diminuíndo, a inviabilidade dun estado do benestar demostrada...”


Isto que acabo de escribir podería ser un relato de ciencia-ficción como os que fai o meu amigo Moncho Caride, senón fose perigosamente parecido á realidade. Non sei se vos decatastes que nos están roubando o presente, pero non quero ser pesimista, o futuro aínda é noso.


A que isto escribe deséxavos unhas boas festas e que disfrutedes do que menos diñeiro nos costa: estar cos que máis queremos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario