xoves, 5 de xaneiro de 2012

UNHA RECEITA PARA SAÍR DA CRISE

Debe de ser esta unha das cen mil solucións que se teñen dado para saír da crise, pero ao mellor acerto. Din que a ignorancia é moi atrevida, e eu son moi atrevida (ergo...).


A política de recortes drásticos que se está facendo en toda Europa estanos levando ao abismo, isto non o digo eu senón varios premios nobel de economía (véxase por exem. Joseph Stiglizt ou Paul Krugman). Unha das consecuencias desta crise financiera que sufrimos é a falla de confianza. Os propios bancos non se fían uns dos outros e non se prestan diñeiro entre eles. Falla tamén a confianza dos mercados nos países de economías máis febles, que deben pagar xuros máis altos pola súa débeda pública, o que os afunde aínda máis, as axencias de cualificación colaboran tamén con dilixencia neste feito. Como ninguén se fía de ninguén, falla o aceite do crédito que engraxa toda a engrenaxe da economía capitalista e fai que esta non funcione. E o diñeiro que podería desatascar a situación non chega nin a empresas nin a familias.

A última medida do Banco Central Europeo e o seu director Mario Draghi (ex-directivo de Goldman Sachs, o maior banco de inversión do mundo, non o esquezamos) din os xornais que foi moi audaz (ver suplemento de economía do País do 31.12.2011). Parece ser ser que abriu “a barra libre do crédito”, ofrecendo amplísima financiación aos bancos a un 1% de taxa de xuro, que estes empregaron en gran medida en comprar débeda pública dos estados (parece que aínda se fían deles). Con isto cumpríase un dobre obxectivo: 1) por un lado facer baixar a prima de risco de moitos países (a máis demanda, baixa o prezo dos xuros) e baixa así o custe de financiación para os estados que alivia as súas contas. E 2) mellórase o balance dos bancos, que collen diñeiro a un 1% polo que o tesouro público español lles paga sobre un 5% (en realidade quen o pagamos somos os contribuíntes coas subidas de impostos do noso goberno). Mentres tanto, pouco dese diñeiro chega a familias e empresas.

E digo eu, non sería preferible que fose o BCE o que prestase ese diñeiro directamente (sen bancos polo medio) aos Estados con dificultades? Pero non, parece ser que as normas do BCE e a Sra Merkel o impiden. Ademais deste xeito axudamos a salvar aos bancos, que sospeito que aínda están peor ca nós (en realidade iso é do que se trata)


Vou coa miña receita, como parece que os que nos dirixen non queren ou non son capaces de sacarnos desta situación, propóñolle unha cousa á cidadanía. Teño lido que a cifra de depósitos dos españois nos bancos en xuño do 2011 é de algo máis dun billón de euros, e que a nosa débeda pública en nov. do 2011 era duns 577.000 millóns, ou sexa a metade da cifra anterior. Se só a metade deses aforros que agora están nas entidades bancarias os investísemos en débeda do Tesouro Público (letra, bonos, obrigacións...) que é o que están facendo os bancos, así que non debe de ser menos seguro que deixalos onde están; pois deste xeito ao mellor conseguíamos tamén un dobre obxectivo: 1) Baixar a prima de risco da nosa débeda (lembrade, a máis demanda menos prezo de xuros) polo que dispoñeríamos de máis diñeiro para sanidade, educación, infraestruturas... e 2) financiaríamos a nosa débeda pública a un menor custe e sen pagarlle o xuro aos bancos, senón que alomenos este xuros iría aos nosos petos. Conseguiríamos tamén un terceiro obxectivo que vos vai soar un pouco radical: a creba do sistema bancario. Non serían capaces de aguantar a devolución dos depósitos, habería que intervilos e nacionalizalos. E entón sería o BCE o que prestase, agora si, o diñeiro a empresas e familias, a xuro 0 e a economía produtiva podería empezar a funcionar. Estou convencida de que non saímos desta crise sen a creba do sistema bancario (que é o que se está intentando evitar a toda costa e a costa de todos nós).


Que vos parece? Perdemos algo intentándoo? Os nosos aforros por poucos que sexan (dende mil euros pódense mercar letras do tesouro) non estarían menos seguros que nos bancos ou debaixo do colchón (ollo! tampouco máis). Visitade a páxina do tesouro público, informádevos do procedemento, é sinxelo, ter certificado dixital ou DNI electrónico, cubrir un formulario online e facer unha transferencia bancaria (esixide ao banco que o faga sen cobrar comisión) a próxima poxa de Letras é o 20 de xaneiro. Eu vouno facer.

Ningún comentario:

Publicar un comentario