mércores, 20 de xaneiro de 2010

POR QUE VOU FACER FOLGA O DÍA 21 DE XANEIRO?


- Porque sen estar totalmente dacordo con todos os puntos das organizacións convocantes, estou en desacordo con esta nova lei elaborada polo goberno da Xunta.

- Porque o plurilingüismo é un obxectivo estratéxico da Unión Europea, definido no recente Tratado de Lisboa, "Europa será plurilingüe, ou non será", pero xa existen en funcionamento, e cada vez en máis Centros (con escasa financiación por certo), as Seccións Bilingües, que persiguen este obxectivo pero plantexado de xeito voluntario para profesorado e alumnado. E ademáis estas Seccións bilingües, non promoven exclusivamente o inglés senón que existe a posibilidade de facelas tamén en outras linguas comunitarias como o francés, alemán... e posiblemente se podía intentar tamén en italiano ou portugués.

- Porque todas as linguas teñen o mesmo valor,e contribúen por igual ao desenvolvemento intelectual do alumnado, anque recoñezamos que o inglés é hoxe unha lingua de comunicación universal e polo tanto de necesario coñecemento nun mundo globalizado como o que temos. Pero o que parece que se intenta facer con este decreto é introducir a novidade dunha lingua estranxeira para ocultar a diminución de horas en lingua galega. Parece unha incongruencia esixir o coñecemento do inglés para o acceso ao ensino e ao mesmo tempo non pedir o coñecemento do galego para o acceso a outras áreas da administración autonómica; cando ao fin e o cabo o galego é unha lingua oficial e o noso estatuto di no seu artigo 5º, aptdo 3 que:
"Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento".

- Porque despois de 20 anos no ensino estou farta de ver pasar novos plans educativos nos que as cousas cambian para que no fondo todo siga igual. Facendo un mal chiste direi que para mellorar o ensino fan falta tres cousas: diñeiro, diñeiro e diñeiro:

. Diñeiro para mellorar a formación do profesorado
. Diñeiro para dotar as aulas de novas tecnoloxías
. E diñeiro para contratar profesorado que diminúa o nº de alumnos e alumnas por aula e atenda adecuadamente ao alumnado con dificultades de aprendizaxe.

Por todo o dito penso que non é preciso un novo decreto senón desenvolver con máis apoios e financiación os plans xa vixentes: 50% de materias en galego, 50% en castelán e impulsar decididamente as Seccións Bilingües.

Ningún comentario:

Publicar un comentario