Amosando publicacións coa etiqueta cambados. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta cambados. Amosar todas as publicacións

sábado, 8 de xuño de 2019

DE POLÍTICA MUNICIPAL

O próximo 15 de xuño terá lugar a investidura do novo alcalde ou alcaldesa de Cambados. Os resultados das pasadas eleccións quitáronlle a maioría absoluta ao PP e déronlla aos tres partidos de esquerda. Significativo é tamén que deixaron fóra dun posible goberno a JR Abal. Un político tóxico, arribista e interesado que tivo ao goberno cuadripartito anterior sometido a unha chantaxe permanente.  Os resultados foron claros: o partido de esquerda máis votado foi o PSOE. Fátima Abal ten que ser a alcaldesa. Pero o segundo máis votado foi Somos Cambados e debe ter un peso proporcional no novo goberno municipal. O Bloque baixou en votos e debe entender que o seu papel na nova corporación ten que ser menor. Así o mandaron as urnas. PSOE e BNG son dúas "grandes empresas da política", con intereses comúns en moitas vilas e cidades de Galicia e que non ven cos bos ollos a competencia de pequenos grupos municipalistas. Tenden, como calquera empresa , a eliminar competidores. E non deberían caer na tentación de "facer pinza" e antepoñer outros intereses aos de Cambados. Ábrese a oportunidade "histórica" dun goberno de esquerdas que mire só polos intereses da vila e o benestar dos seus habitantes, non o estraguemos. Pode que a cidadanía de Cambados non o perdoe cando en catro anos haxa que render contas.

sábado, 14 de agosto de 2010

EXPOSICIÓN EN TORRADO


Estase celebrando no Pazo de Torrado unha exposición bastante interesante, chámase Xeografías Contemporáneas e mostra obras de artistas galegos dos que o CGAC (Centro galego de Arte Contemporánea con sede en Santiago) ten obra na súa colección.

A mostra inclúe obra de artistas cambadeses como Francisco Leiro ou Manolo Paz e outros como Xoán Anleo, Jorge Barbi, Pamen Pereira, Berta Cácamo ou Vari Caramés por citar só algúns.

Felicitamos ao goberno municipal de Cambados polo cambio de uso que se fixo co Pazo de Torrado que pasou de ser un Museo con continente pero sin contido a convertirse nunha sala de exposicións cun importante nivel para a pequena vila que somos. Alegrámonos de que aquela sala dos "horrores" que era a que tiña dioramas ou hologramas , ou o que fose, sobre célebres personaxes galegos fose retirada. Tamén afortunadamente se retiraron todas a pantallas de plasma, debía ser o museo con máis pantallas de plasma por metro cadrado que vin na miña vida. Bueno todo iso debeunos costar unha pasta aos contribuíntes pero como rectificar é de sabios, parabéns ao Concello.

O pazo de Torrado vai camiño (parece) de consolidarse como unha sala de exposicións e se se mantén a colaboración con importantes centros culturais como son o CGAC ou o Museo de Pontevedra poden vir a Cambados boas exposición con menor custe (supoño).

Lembro o discurso dun dos moitos políticos que interviñeron na inauguración da excelente exposición "Cabanillas e os artistas galegos do seu tempo" no que se dixo que o 40% das viaxes turísticas teñen unha finalidade cultural. Cambados pode unir ao extraordinario patrimonio histórico e artístico que posúe, convertirse nun centro de celebración de importantes exposicións que atraia a numerosos visitantes.

En fin , parabéns de novo.

domingo, 25 de xullo de 2010

SOBRE O XANTAR DO ALBARIÑO

Nenos e nenas da Asociación Esperanza Salnés


Creo que é preciso insistir unha vez máis sobre o tema. O goberno municipal parece disposto a non tomar en consideración a proposta da oposición de destinar os cartos da comida do albariño a Esperanza Salnés, hoxe aparece unha nova proposta na prensa que quizais tampouco sexa tida en conta, ao mellor simplemente porque ven da oposición, podes vela aquí.

A miúdo os políticos que gobernan esquecen que representan a toda a cidadanía e que teñen que gobernar polo interese de toda ela, anque gobernen grazas aos votos dunha parte dela. Tamén esquecen que son representantes do pobo, tal como di a dotrina da Soberanía popular enunciada por Rousseau e que é a base do noso sistema político; o poder é do pobo que o delega provisionalmente non representantes elixidos, que teñen a obriga de gobernar en beneficio de toda a comunidade. Esquecen igualmente que os cartos que xestionan son nosos e proveñen dos nosos impostos, que eses cartos son de todos e non de ninguén como a miúdo pensan.

Que poden facer os cidadáns cando non se goberna en beneficio de tod@s?, de momento protestar, e neste día reivindicativo do 25 de xullo gustaríame decirlles aos nosos gobernantes que ao mellor chega un día en que a cidadanía se farta e cae na conta de dúas cousas: de que non necesitamos aos políticos e de que nós somos máis. Imaxínense un 14 de xullo de 1789 en París coas novas tecnoloxías, "quedamos na Bastilla ás oito horas, levade paus, pásao". En fin non é unha amenaza, só historia-ficción, para que a nosa clase política reflexione e caia na conta de que non pode gobernar de costas á cidadanía e ao sentido común.

E volvo ao xantar do Albariño, intentemos protestar unha vez máis, xa que Aragunde non nos fai caso vamos probar co seu xefe, escríbelle a Feijóo, que acaba de anunciar uns presupostos moi restrictivos para o ano 2011 e que non lle pode pagar ao Estado os cartos que lle debe, anque seguramente non faltará á comida o próximo domingo. Eu xa lle escribín máis ou menos esto:

"Estimado Sr. Feijóo, como está denunciando na prensa estes días a deteriorada situación das arcas públicas galegas quixera pedirlle que faga entrar en razón ao alcalde do noso pobo de Cambados, o Sr. Aragunde. A oposición municipal fíxolle unha proposta: que os cartos da comida do Albariño se destinaran a unha asociación de nenos discapacitados que a miúdo pasa por dificultades, pero este non a considerou porque dí que o noso Concello ten cartos dabondo para invitar a 600 persoas (x 50 euros persoa=30.000 euros) e que a comida é tradición e se vai a seguir facendo coma nos últimos 57 anos. A miña proposta é de que non é preciso suspender a comida, inclusive que o pobo de Cambados os invita gustosamente a vostede, ao noso alcalde e aos homenaxeados a comer, simplemente os restantes 500 e pico invitados teñen que pagar o seu prato e ese diñeiro será destinado á Asociación Esperanza Salnés, creo que nos tempos de dificultades que atravesamos é unha proposta razoable, Reciba un cordial saúdo".

Envía esta ou outra mensaxe a este enlace: Contacte co Presidente

Mira este video elaborado por Cambados.tk




A páxina de Unha Grande Chea
tamén fala dos homenaxeados no Albariño deste ano


E rematamos co fragmento dun poema do noso poeta Cabanillas, lido en Vigo un 25 de xullo,
bo día da Patria!

É forza pórse en pé! É nosa obriga
temprar as fouces, encoirar o mallo
e saír animosos, cara á veiga,
a escomenzar o redentor traballo!
Tras do loitar sin trégoa
virá o repouso á soma do carballo!

Irmáns, todos a unha! Arrodeade a leira!
Que regue a nosa Terra o suor noso
e a fouce corra no tronzar certeira!
Escoitade o puxente
berro do vagorosos:
"Diante de vós ondea
a barda de ouro ardente...!
Segade a vosa herdade!
Ai daquel que non seia valente!
Segade, galegos! Con forza! Segade!



Podes lelo enteiro neste enlace


sábado, 10 de xullo de 2010

UNHA BOA PROPOSTA

A Voz de Galicia de hoxe faise eco desta nova:

Cambados.tk propón aforrar os cartos do Xantar e firmar un convenio de colaboración con Esperanza Salnés


Le a nova completa ou o que aparece na web de Cambados.tk e dalle logo a túa opinión ao alcalde neste enlace.

Eu xa enviei a miña mensaxe, foi esta:

"Como veciña de Cambados e contribuínte paréceme ben o que propón Cambados.tk tal como aparece hoxe no xornal La Voz de Galicia. Non están os tempos para "comilonas", hai quen o precisa máis, o que vaia á comida que a pague do seu peto".