domingo, 10 de marzo de 2019

TRALO 8M

Discutía eu un día co finado Luís Rei sobre revolucións. Medio en broma medio en serio dicíalle que as anteriores revolucións as fixeran homes. E saíran mal. A Francesa rematou en Robespierre, o terror da guillotina e Napoleón, A Rusa no Stalinismo. Está en marcha unha nova revolución, máis silenciosa, máis de vagar, a Revolución das mulleres, e esta vai saír mellor. Vai poder cambiar o mundo.

Considéranse valores femininos ( e en xeral penso que é certo): a empatía, a non-violencia, a cooperación, o non-protagonismo, a xenerosidade e a tendencia a coidar dos febles... valores que non son os predominantes nas nosas sociedades e que se o foran farían a vida diferente.

A Revolución feminista, estanse impoñendo nas nosas sociedades, a nivel mundial, incluso nos países nos que a muller sofre problemas gravísimos: África, o mundo musulman, a India... É un proceso imparable e son optimista respecto dos resultados.

Nunha sociedade feminista a violencia e a agresividade debería ser menor. O coidado a nenos e maiores prioritario. O benestar da familia debería estar por riba da competitividade e a productividade, de nada sirve que sexamos máis ricos se somos infelices. E non hai individuos felices en familias infelices. O protagonismo, o culto ao ego leva ao egoísmo e a individualidade. Precisamos máis cooperación e menos competencia. O ser humano evolucionou cooperando. Precisamos en todos os ámbitos equipos paritarios de persoas. Porque en determinadas circunstancias pode ser necesaria unha maior competitividade e noutras a empatía para cohesionar os grupos.

Estamos no camiño... o tempo dirá se conseguimos unha sociedade mellor na que homes e mulleres sexamos máis felices. Ese ten que ser sempre o obxectivo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario