sábado, 23 de febreiro de 2019

TIÑAN RAZÓN

Para as eleccións autonómicas galegas de setembro de 2016 tivo lugar un feito pouco frecuente na nosa historia. Un grupo de partidos de esquerda deciden presentar unha candidatura conxunta. Triunfa a idea de que a unidade entre diferentes partidos galegos, con diferentes ideas en canto ao nacionalismo pero coas mesmas inquedanzas en política social podía conseguir unha maioría parlamentaria e de goberno, en definitiva, derrotar ao PP.

Pronto saíron os derrotistas a dicir que iso non tiña futuro. Sempre hai máis posibilidades de acertar se opinas en contra. Facer que as cousas saian ben é máis dificil.

O resultado foi decepcionante, o PP revalidou maioría absoluta, aínda lle sobraron diputados.O partido instrumental acadou un bo resultado e converteuse en segunda forza, con sorpasso ao PSOE. Pero ese non fora o obxectivo.

Eu apostei cun amigo unha mariscada. Aquilo non ía duran máis dun ano, dixo el. No primeiro aniversario o grupo saltaría polos aires. Gañei (logo perdoeilla, a mariscada). Pero só por un mes. Meu amigo, o derrotista,  tiña razón.

Non é posible unha organización política asemblearia. Todo se volven discusións inútiles que non levan a ningún sitio. Ademais a xente ten pouco xuízo propio, somos gregarios e acabamos votando, se se vota, mirando o que fai o do lado. As críticas acaban tomándose en clave persoal e todo remata como o rosario da aurora. Non hai como ter uns dirixentes que organicen os debates e se chegue ás conclusións previamente decididas, todo é moito máis organizado. Se ademais lle chamamos Asembleas abertas todos contentos.

Tampouco é posible votar con listas abertas. Menuda lea, pode saír calquer cousa. Equipos que logo non se aturan entre sí e cos que é imposible traballar. Fanse dúas listas pechadas, unha cos pesos pesados e outra con militantes de base descoñecidos e vótase. A democracia está asegurada e a orde e organización tamén. Se todos pensamos igual, deixa de haber críticas.

A política non é unha profesión, estamos uns anos e logo cada un á súa casa. Se fose tan doado. Vou botar uns anos da miña vida, sacrificando familia e profesión para ao cabo de oito anos como moito deixar todo, e ademais cobrando tres salarios mínimos como máximo. Na política fai falla experiencia, é un traballo de responsabilidade e precisa estar ben pagado. Unha cousa é ser patriota e outra ben distinta ser parvo. A política é moi desagradecida, cantos coma Castelao, viviron a persecución, o exilio e morreron pobremente?. Hai que sacrificarse pero que che quede unha boa pensión parlamentaria.

Que si, que tiñan razón (como me doe dicilo).

As reflexións anteriores son unha brincadeira da autora, calquer parecido coa realidade é pura coincidencia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario