martes, 2 de outubro de 2012

UNHA EUROPA DAS REXIÓNS vs UNHA EUROPA DAS NACIÓNS

Europa estruturouse no s. XIX fundamentalmente, nunha serie de estados-nación, e as súas fronteiras son froito en gran medida de condicionantes políticos a miúdo artificiais. Pola contra as rexións europeas teñen unha maior base xeográfica, son en certa medida, máis naturais. Teñen a súa orixe en entidades xeográficas (planicies, áreas montañosas...) e unidades lingüisticas e históricas.

As fronteiras europeas están aínda sen consolidar totalmente. Chama a atención que mentres países novos coma os americanos teñan unhas lindes que apenas se modificaron nos últimos 100 anos, pola contra o mapa da vella Europa cambia case cada 10 anos e é previsible que o siga facendo se temos en conta a existencia de "desacordos" en lugares como Escocia, Valonia ou Cataluña, por poñer só 3 exemplos.

A actual crise económica está complicando as cousas. A ultradereita e o ultranacionalismo gañan terreo en Austria, Finlandia, Holanda, Grecia, Alemaña ... de tal xeito que pode ameazar a supervivencia da Unión Europea, a nivel político e económico, que as dúas cousas foron xuntas dende o momento da súa creación. E a historia europea dinos que unha Europa dividida levou a miúdo a enfrontamentos armados.

Moitos pensadores están dacordo en que desta situación só sairemos ou coa ruptura da Unión ou cunha maior integración. A idea que dá título a esta entrada, unha Europa das rexións fronte a unha Europa das nacións podería ter sentido. Isto suporía máis descentralización (nas cuestións máis próximas á cidadanía como todo o relacionado co estado do Benestar: educación , sanidade, cultura, asistencia social...) e máis centralización nos temas de defensa, política económica e monetaria ou relacións exteriores; e tamén un presidente e un goberno europeo elixido directamente. Gobernos"rexionais" e europeo pero non gobernos "nacionais" que están bloqueando o avance da Unión. Pensar coma cidadáns europeos e non como españois ou alemáns, italianos ou fineses. Non parece doado pero a alternativa pode ser a inevitable ruptura de Europa, de novo. Vós que opinades?

PD. Son consciente de que o termo rexión pode resultar polémico, moitas veces úsase interesadamente, uns úsano porque elimina matices políticos e a outros non lles gusta precisamente por iso. Eu úsoo no sentido máis xeográfico, un área cunhas fronteiras naturais (ou doutra índole) ben definidas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario