luns, 29 de agosto de 2011

DIARIO DUNHA VIAXE A NYC


(Este diario estivo publicándose mentres estabamos en Nova York na páxina de Cambados TK)

DÍA 1

Levei un libro para a longa viaxe en avión, doumo Miguel Muñiz o fotógrafo-editor de TodoGrove-edicións, é dun cambadés que me soaba de vista pero que non coñezo persoalmente, chámase Exidio Cuíñas.

O libro en cuestión é “Salgadoiro de queixo e mozzarella”, título e portada xa teñen un sabor surreal porque aparece a torre de S. Sadurniño e unha artesa de pan (que debe ser o máis parecido que atoparon a un salgadoiro) vamos como aquilo que dicían Lautrémont e os surrealistas “da beleza do encontro nunha mesa de disección dun paraugas e unha máquina de coser” ….. E o tono surreal persiste en toda a novela que é en realidade un relato de viaxes, que empeza en Compostela, sigue en Cambados, logo en Arteixo cunha furna con cinzas dun difunto, unha viaxe ás Malvinas que logo non pasou de Bos Aires para voltar por barco a Galicia e finalmente rematando nun avión con destino a Madagascar.

Perfecta novela por tanto para ler nun avión porque ademais riste a escachar co humor acedo do personaxe de Juan. En fin moi recomendable para viaxar cara unha cidade dadaísta e surreal como é NY ou para non saír de Cambados.

DÍA 2:


Hoxe instalámonos no apartamento que alugamos vía internet, caro e pequeno pero non está de todo mal e a zona é bonita e animada, está entre o Soho e Nolita. O edificio está vello pero hai conexión a internet, eso permitiume ver a páxina de Cambados TK e ler o artigo de Óscar sobre o “Concello perita” do noso alcalde, que me fixo rir un pouco; dende logo é un episodio digno de aparecer no libro de Exidio.

O Soho é a zona que está ó sur da rúa Houston (South-Houston) e Nolita o que está ao norte de Little Italy. Non é zona de rañaceos senón desas casas de 4-5 pisos de ladrillo e coas típicas escaleiras de incendios das películas. Estamos polo tanto na illa de Manhattan, pero Nova York é máis que Manhattan e inclúe 4 barrios máis, Queens (onde está a maior colonia de galegos), o Bronx, Brooklyn e a pequena Staten Island.

Creo que a Manhattan lle chaman a gran mazá por un músico de Jazz (negro supoño) que dixo que hai moitas mazás na maceira pero cando triunfas en Manhattan é que colliches a gran mazá. Bueno como vedes empezei falando de peras e acabo con mazás.

DIA 3

As fotos que aparecerán poden ser de Manolo, Manuel e Mariña Busto ou de Maribel Iglesias

Hoxe fomos á ponte de Brooklyn que queda perto da zona na que estamos, o downtown. Os anglosaxóns coa súa economía na linguaxe dividen a illa de Manhattan en 3 sectores: abaixo, no medio e arriba (downtown, midtown e uptown). No downtown estaba a zona máis antiga da cidade, onde se instalaron os holandeses, porque Nova York foi primeiro Nova Amsterdan; pero a parte máis antiga é agora a máis moderna porque aí se instalou o centro financieiro, onde estaban as torres xemelgas e onde está aínda a bolsa de NY en Wall street que ten ese nome porque por alí pasaba a muralla defensiva que en tempos antigos tiña esta parte da cidade.

E volvemos á ponte de Brooklyn que como se pode supoñer une Manhattan con ese barrio de NY, a ponte ten unha parte illada do tráfico rodado que se pode cruzar andando, correndo ou en bici; a vista do skyline de rañaceos de Manhattan paga a pena. Resulta tamén curioso ver a centos de neoyorquinos correndo coma tolos para chegar a non se sabe onde, é o que nós chamamos footing, palabra que nos inventamos en España e que un americano non ten nin idea do que significa. Diante de nós desfilaron homes e mulleres de todas as razas, culturas e cores, reflexo deste “melting pot” que é NY (en España diríase de xeito máis cursi “crisol de culturas”) e pese ás diferencias de idade, raza e sexo todos ían uniformados coa mesma roupa deportiva e un curioso cinto do que colgaban botelliñas de líquidos "misteriosos" de diferentes cores.

DÍA 4

Pedinlle ao meu fillo que fixera unha foto dadaísta desta obra de Duchamp e saiulle esto

Hoxe fomos ao MoMA (Museo de arte moderna) que está no midtown. Dende a rúa Houston cara o norte (a illa de Manhattan ten unha forma alongada que se extende máis ou menos de norte a sur) a cidade planificouse cun plano en damero no que existen anchas avenidas para facilitar o tráfico e que van de norte a sur e están numeradas: a 1ª avenida, a 2ª… así ata 12, as máis famosas quizais sexan a quinta e a sexta, a esta última chámanlle tamén a Avenida das Américas e aí se fan os desfiles (“parades”) relacionados cos países americanos como o que se celebra o 12 de outubro ou o que vimos nós hoxe adicado á República Dominicana. A 4ª avda da paso a Park avenue e 2 máis: Lexington e Madison avenue. Unha avenida excepcionalmente vai en diagonal, é Broadway na que cerca da praza de Times square é onde se sitúan gran número de cines e teatros. Transversalmente ás avenidas están as rúas, tamén numeradas de sur (a nº 1) a Norte (a cento e moitos, xa no barrio de Harlem). A quinta avenida tamén divide a cidade polo medio en Leste (east) e oeste (west), e así diferencian entre o West side o East side. Esta organización urbana é típica das cidades de nova creación, planificadas de antemán como acontece con casi todas as cidades americanas do norte e do sur (lembro por exemplo Bos Aires). Entre as rúas desenvólvense as mazáns de casas, “cuadras” que din os arxentinos ou “blocks” os neoyorkinos. Con este sistema é doado orientarse na cidade.

O MoMA é un museo estupendo, moi ao estilo anglosaxón, onde podes sacar fotos libremente (sen flash) e sin sentirte controlada (sempre que cumpras unhas normas mínimas). Están feitos para que os disfrutes e as obras están vivas e non parecen reliquias de sagradas igrexas que hai que venerar, como os nosos museos. Aos directores dalgúns museos galegos viríalles ben darse unha volta por aquí. Despois dun día bonito, pero agotador, voltamos ao apartamento e descubrimos na escaleira de incendios do edificio, xusto en fronte da nosa ventá un paxaro agonizando (sí tamén hai paxaros en Manhattan, e moitos). Meus fillos puxéronse coma tolos, empeñáronse en collelo e intentar curalo pero o seu estado era tan lamentable, casi sin plumas, e parecía tan enfermo que o descartamos. A seguinte opción que se nos ocurreu foi a eutanásica, pero como?. Puxémonos a buscar obxectos contundentes, meu fiilo dixo que un golpe forte na caluga sería o mellor. Atopamos coitelos, cucharóns de sopa e perchas. E entón decidimos unánimemente que o encargado de dar o golpe de gracia debía ser Manolo (o meu home) que para iso era o cabeza de familia. Manolo mirounos dende a outra habitación e coa sensatez que o caracteriza (non en van é da Portela, unha aldea de Barro) dixo que deixáramos de facer o parvo, “a vida é así”. Ás poucas horas morreu. É curioso que levásemos todo o día vendo persoas sen casa polas rúas (“homeless”), moitas delas enfermas e que non sentísemos demasiada compaixón por elas e en cambio ver un paxaro enfermo conmoveunos.

Día 5:

Hoxe fomos ao Museo Guggenheim que está na quinta avenida, xusto en fronte de Central Park. Foi feito nos anos 50 polo famoso arquitecto americano Frank Lloyd Wright para conter a colección de arte do millonario americano de orixe xudeo Solomon Guggenheim. As numerosas obras de arte que posuía a familia fixeron que anos máis tarde se abrisen novos espacios para mostralas como en Venecia e Bilbao. Wright meteu en pleno Manhattan un caracol, como se se houbera escapado de Central Park e digo isto porque o museo é unha gran espiral, unha rampa pola que o público vai subindo e contemplando a colección. Un perfecto círculo inscrito na cuadrícula que é Manhattan, como os círculos e cadrados superpostos que aparecen nos cadros de Kandinsky que ten a colección.

Hoxe ademais de custodiar a colección (basicamente autores impresionistas, postimpresionistas e das vangardas históricas) e mostrala ao público, o museo organiza exposicións temporais sobre artistas máis contemporáneos. A que nos tocou a nós foi a do artista-filósofo koreano Lee Ufan. Este artista, moi influído pola filosofía oriental reflexiona nos seus cadros e instalacións escultóricas sobre o espacio e así coloca grandes pedras distribuídas en diferentes contextos, ás veces sobre lenzos, coxíns, planchas de ferro que pese ás diferencias de concepción lembráronme as obras de Manolo Paz. En Lee Ufan hai unha maior reflexión teórica e a característica sutileza dos orientais, en Manolo Paz temos algo máis bruto pero tamén máis telúrico, máis próximo á natureza. En fin dúas concepcións diferentes feitas en dous lugares moi distantes: por onde nace o sol e por onde se pon pero resultados semellantes.

DÍA 6:

Edificio Dakota

Hoxe fomos ao Museo de Historia Natural, meus fillos empeñáronse en ir ver a colección de dinosaurios que teñen. A verdade é que é un museo estupendo, moi entretido incluso para os que somos "de letras". Gustoume moito a parte sobre o Espacio e o Universo. Alí aparecía un panel que dicía que somos "polvo de estrelas": os minerais que están no noso corpo, o osíxeno que respiramos, o carbono dos nosos músculos, o calcio dos osos e o ferro que corre polo sangue das nosas veas, proceden das estrelas, formadas moito antes que o planeta Terra.

O Museo está no Upper West Side, en fronte de Central Park, unha zona rica, alí está tamén o edifico Dakota, onde viviu e morreu Lennon. Xusto en fronte, no outro lado de Central Park está o Upper East Side, tamén zona rica, pero según di a guía que teño é máis conservadora (votan republicano, ou sexa PP), pola contra os do Upper West Side son máis liberais (votan demócrata, ou sexa PSOE) e parece que non se levan moi ben os dun lado e outro. Vamos que teñen unha rivalidade parecida á que hai en Cambados entre os de Triana e os de Sto Tomé (anque en Cambados todos votan PP).


DÍA 7

Bicis en Park Avenue

Tres sábados do mes de agosto organizan nas rúas de Manhattan as "summer streets"; cortan ao tráfico de coches un eixo que vai de sur a norte: rúa Lafayette-Park avenue ata Central Park e pódese ir en bici, correndo, patinando... Ademais compañías de alquiler de bicis cédenche gratuitamente unha bici durante unha hora para que fagas o percorrido (o que non é pouco nesta cidade onde se paga por todo). Foi unha experiencia bonita percorrer Manhattan sen coches e ver os rañaceos dende as rúas que normalmente están dominadas polo "deus" automóbil.

Chamoume a atención que toda a actividade contase coa colaboración de empresas e moitos voluntarios, que eran os que organizaban o tráfico (anque coa presenza en todo momento da policía de NY). É curioso que nesta sociedade tan individualista e competitiva a xente é moito máis colaborativa ca nós en temas cidadáns. Falámolo Manolo e eu e a min ocurriuseme que podía influir a orixe relixiosa protestante que ten un sistema asambleario e non xerárquico coma os católicos. A igrexa protestante fomenta máis a colaboración, na misa os fieis participan más, cántase, lese a biblia, discútese sobre ela. No catolicismo o cura dirixe todo. Bueno quen sabe, o que é certo é que esta actividade de verán apenas lle costou diñeiro ás arcas municipais pola colaboración de empresas e voluntarios e non sei si ese é o mellor modelo pero nos tempos que corren, Europa vai ter que ir cara algo semellante. Non hai sociedade perfecta nin imperfecta totalmente, e non serei eu quen defenda o modelo americano pero si que vexo certa flexibilidade que facilita moito a innovación. Escoiteille dicir a un científico español que viviu en USA que o modelo anglosaxón en investigación era que ti presentabas un proxecto, deixábanche facer pero eso sí ao final tiñas que rendir contas dos obxectivos propostos (e inclusive devolver o diñeiro se non os acadaches); en España é ó revés tes que presentar un proxecto detallado, axustándose escrupulosamente ás normas legais e si consigues que cho aproben, adiante que ninguén che vai comprobar ao final si acadaches resultados, é dicir as forzas vanse na burocracia. Cal é mellor sistema?.

Día 8:

Quinta Avenida

Como era domingo decidimos ir a misa, e ningún sitio mellor que Harlem para ir á igrexa. Conforme iamos pasando estacións no metro ían achegándose máis turistas, semellaba que todas as guías dician o mesmo: a mellor igrexa para escoitar un coro de gospel era a Abyssinian Baptist Church. Deste xeito cando chegamos a Harlem pareciamos un rebaño de turistas caucasianos (ou sexa brancos) en medio dos habitantes de Harlem afroamericanos (ou sexa negros). Para acceder á igrexa formouse unha enorme cola que varios feligreses negros elegantemente vestidos para a misa trataban de organizar sin moito éxito. Cando xa levabamos un bo anaco esperando, un destes feligreses informounos que non ía a haber sitio para todos na igrexa; un francés idiota (e ocúrrenseme apelativos peores) empezou a protestar por ternos na cola esperando sen avisarnos antes. Quedáronme ganas de preguntarlle si alguén lle mandara vir ata alí, ou si pagara algunha entrada, porque esta xente nos estaba deixando entrar no seu servicio relixioso sin cobrar un peso (cousa rara na vella Europa). En fin que nos quedamos sin escoitar gospel. Fomos cara a parada de autobús que nos levaría á quinta avenida e mentres esperabamos puidemos ver os restos que quedaban da noite do sábado anterior: numerosas botellas de licor tiradas polo chan. Tamén vimos a moita xente elegantemente vestida, especialmente bonitas ían as nenas cos seus vestidos de flores e repoludos peiteados, supoño que irían a misa, ou non, simplemente era domingo. E todo isto lembroume o dito que aparece na guía de que en Harlem "hai un bar en cada esquina e unha igrexa en cada rúa". Dun xeito ou outro vaise soportando a vida.

Baixamos do autobús na 5ª avenida e non fai falla dicir que o contraste foi notable. A riqueza da zona vese en moitas cousas pero chamoume especialmente a atención unha, os cans. Non debe de haber neoyorkino de nivel que non teña un can de pedigree, ou dous, porque soen ter parellas idénticas, supoño que macho e femia. E ás veces ata se poden ver persoas paseando 3 cans (ou máis), supoño que o número de cans será directamente proporcional á soedade que sinten.







Día 9:

Hoxe repetimos 5ª avenida. Alí atópase a milla dos museos, ademais do Guggenheim están o Metropolitan (de arte antigo), o Museo Whitney (de arte americano) e o Frick (a colección dun millonario). Todos estes museos están fronte a Central Park, ao rematar este empeza a milla dos comercios máis exclusivos. Empeza fronte ao Hotel Plaza coa espectacular tenda de Apple (que está nun planta subterránea e ten unha sorprendente cuberta cúbica acristalada). A partir de aí están todas as tendas de roupa de coñecidas marcas francesas e italianas, a Trump Tower, a famosa xoiería Tiffany (a que saía na película de Audrey Hepburn, Almorzo con diamantes) que por certo tiña uns escaparates moi veraniegos decorados con xeados sobre os que colocaban aneis con voluminosos diamantes (mira que si te tragas un…) e por suposto non podía faltar Zara nun dos mellores solares da rúa. E alí estaba tamén, no corazón do capitalismo, a Catedral de San Patricio, relixión e diñeiro sempre están xuntos. Trátase dunha igrexa neogótica coas súas típicas agullas intentando tocar o ceo, coma os rañaceos. Uns están dedicados ao “deus diñeiro” e a igrexa ... tamén, utilizando formas semellantes.


Día 10:

Anuncio publicitario no Soho

En teoría nos viñemos a NYC (entre outras cousas) para mellorar o noso inglés, na práctica estamos perfeccionando o español. Eu estivera aquí fai 20 anos e xa daquela a presencia hispana era importante: varias canles de TV en español, moitos hispanos traballando, carteis en español nos barrios hispanos… pero agora a presencia é moito maior, o español xa non é só a lingua dunha minoría, nalgúns ghetos da cidade. EEUU vai camiño de ser un país bilingüe: nas máquinas do metro sacas os tickets en español, moitos carteis das rúas (non só do Bronx) están en español, nas tendas grandes (e pequenas) tes moitas posiblidades de que te atendan nesta lingua. Onde nos estamos, o Soho, que non é un barrio específicamente hispano, o supermercado da esquina é de hispanos, na pizzería na que ceamos de cando en vez atenden varios hispanos e George, o empregado de mantenemento do noso edifico é en realidade Jorge, de orixe mexicano. En fin que meus fillos están encantados porque non teñen que usar o inglés para que os entendan. Galicia bilingüe pode estar tranquila, o español non corre perigo.

E non só é importante a presencia de hispanos de sudamérica senón tamén de hispanos de España. Dos turistas europeos que vemos polas rúas creo que a maioría son españois, hai moitos restaurantes de “tapas”, nas tendas de delicatessen podes ver as pernas de xamón serrano, Zara está en todas as zonas comerciais importantes da cidade, hai viños españois en todas as cartas dos restaurantes e ata vimos un cartel publicitario enorme de Martín Códax no Soho. Non sei si esto é bo ou malo, pero é así.

Día 11:

Unha das galerías de arte de Chelsea

Onte fomos ao barrio de Chelsea. Manolo quería ver galerías de arte. Cando eu vin fai 20 anos a maior parte estaban no Soho, hoxe están en Chelsea. O Soho mudou cara unha zona máis comercial e polo tanto máis cara, así que supoño que buscando espazos máis amplos e baratos as galerías mudáronse a este barrio próximo ao río Hudson e os seus peiraos onde existían moitos almacéns con posibilidades de convertilos en salas de exposicións. A mala sorte acompañounos de novo, porque pechan en agosto (bueno segundo se mire porque meus fillos estaban encantados) . De aí fomos ao Madison Square Garden onde xoga polo visto non sei que equipo de baloncesto, os Knicks me di meu fillo. Mentres estabamos tomando uns sandwiches á sombra dun rañaceos escoitamos un tremendo estoupido, o 1º no que pensamos foi nunha bomba pero como non se escoitaron despois sonidos de sirenas, todo o mundo se tranquilizou. Si nos chocou que de volta ao apartamento (temos o sano costume de dormir a siesta ata en NYC) ao coller o metro notamos que casi ninguén viaxaba nel. Ao chegar a casa as canles de TV botaban fume falando dun terremoto e así seguiron ata hoxe en que empezaron a falar do furacán Irene que (xa debilitado) vai afectar tamén á costa leste e a NYC. Menos mal que marchamos nós antes.


Día 12:

Emigrante europea. Museo da Illa de Ellis

Hoxe visitamos a “Illa da Liberdade” onde se atopa a famosa estatua. A escultura é un bodrio, o seu autor (francés) deseñouna ao parecer para a Canle de Suez como símbolo do encontro entre Europa e Asia, ese proxecto fracasou e readaptouna para o actual emprazamento, regalo do goberno francés ao americano ao que o unían lazos de fonda amizade dende que os americanos recibiron axuda francesa na súa Guerra da Independencia fronte a Gran Bretaña. Anque a escultura non vale un peso, paga a pena ir ata alí e contemplar as fermosas vistas de Manhattan e New Jersey dende o mar; tamén o percorrido actual inclúe unha parada na Illa de Ellis por onde entraron a maioría dos emigrantes europeos a EEUU ata os anos 20. Hai na illa un museo interesante sobre iso e un monumento cos nomes de todos os emigrantes rexistrados ao entrar na illa (uns 8 millóns), foi curioso atopar moitos nomes galegos, lembro especialmente un “Avelino Iglesias”, por levar o meu apelido. Para min que son filla de emigrantes foi especialmente emotivo poñerme na pel deses homes e mulleres que despois dunha longa travesía chea de penas e esperanzas a partes iguais, vían dende o barco, na entrada do porto de Nova York a Estatua da Liberdade que lles anunciaba (ou iso pensaban eles) un futuro mellor.

Fans de Lady Gaga en Times Square

Pola tarde fomos a Times Square, meus fillos tiñan especial interese en ir, supoño que porque sae moito nas películas e porque alí está o Hard Rock Café. A min lembroume a película de Blade Runner, sólo faltaba a chuvia. E para completar a escea futurista alí estaban ducias de fans de Lady Gaga que polo visto estaba no interior dun dos edificios e ía vir saudar. Pero levabamos media hora esperando e Lady Gaga non aparecía así que nos fomos. Mariña dixolle ás amigas polo tuenti que “casi” viu a Lady Gaga.


Día 13:

Novo rañaceos da zona cero en construcción

Deixamos para o final (non sei por que) a visita á zona cero. Este ano están especialmente volcados no tema porque se cumpren 10 anos da traxedia e están preparando unha gran homenaxe para o próximo 11-S. Porén as obras do “Memorial” aínda non están rematadas; despois de moito discutir parece que o proxecto definitivo vai levar unha especie de fervenzas no centro dunha praza na que se plantarán centos de árbores. Irá tamén debaixo unha nova estación de metro deseñada por Santiago Calatrava e non puideron resisitirse a construír un novo rañaceos (e de paso rentabilizar un solar que se atopa no milloriño da zona financieira) pese ás críticas das familias das víctimas. Sorprendeunos tamén que tivesen unha especie de museo-tenda, máis tenda que museo na que exisitían unha serie de fotos e obxectos que recordaban a traxedia e sobre todo estaba á venda un enorme merchandising do suceso: postais, libros, camisetas, chaveiros, supostamente para axudar á construción do “Memorial”. Manolo preguntouse se na Estación de Atocha se houbera podido facer algo así.

Non lonxe da Zona cero está Wall Street. Alí está a Bolsa ou mercado de valores de Nova York, que eles chaman o New York Stock Exchage. E imaxinades que hai xusto ao lado?, Siii unha igrexa, a Trinity Church, de estilo neogótico. O edificio da bolsa tamén ten forma de templo pero neste caso un templo grego co seu frontón coroando a fachada. Se temos en conta que a igrexa é a da trindade ( lembrade o dogma das tres persoas: pai, fillo, espírito santo..) e o relacionamos co triángulo do frontón xa temos a analoxía completa. Xa o din os billetes de dollar: “In god we trust” (en deus confiamos).

Mañá voltamos a Cambados, antes de que nos pille o furacán Irene (espero).


Día 14:

Xa estamos en Cambados. Quizais comprobastes que me retrasei no envío das últimas crónicas, igual pensastes que estabamos atrapados polo furacán Irene, nada máis lonxe da realidade. A nosa viaxe a Nova York foi agradable pero sin emocións fortes. Do terremoto nin nos enteramos e viñemos 12 horas antes de que empezase o furacán (afortunadamente), o que aconteceu é que nos quedamos sen conexión a internet, primeiro no apartamento de NY, logo non nos dou a gana de pagar no aeroporto a wifi e ao chegar á casa descubrimos que non desconectaramos o router e coa tormenta que houbo en Cambados debeuse de queimar.

Nova York é unha cidade fantástica, nova, dinámica, moi bonita, extraordinariamente fotoxénica, ata o lixo das rúas lle queda ben, anque tamén é unha cidade dura, de bruscos contrastes nas temperaturas físicas e humanas: entre os veráns calurosos e os invernos xélidos, entre as rúas e o metro cálidas e húmidas e os aires acondicionados excesivamente fríos de comercios e oficinas, entre a amabilidade de moitos transeuntes que se ofrecen a axudarte se te ven perdido e a mala educación doutros, entre a opulencia das limousinas e edificos da quinta avenida e a pobreza e desamparo dos sen casa que atopas a cada momento.

É unha cidade que se recorda con agarimo pero cando volves a Cambados e ves as estrelas (non hai estrelas no ceo de Manhattan, quizais pola contaminación lumínica) alégraste de estar de volta na casa. Ata outra.



3 comentarios:

  1. Benvidos a cambados, alégrome de que non vos pillara Irene e grazas por compartir a vosa viaxe con todos nós
    Eulàlia

    ResponderEliminar
  2. Hola! Escribín comentario no blog paco asorey. Espero que o leas.
    Moi boa crónica da viaxe.

    Un bico

    ResponderEliminar