sábado, 3 de xullo de 2010

PRESENTACIÓN DO LIBRO: "CRIPTOGRAFÍAS"













O noso amigo Ramón Caride atópase estes días en Nova York para presentar o seu novo libro de poesías titulado: Criptografías. Trátanse de poemas feitos a raiz de viaxes reais ou imaxinadas e que reflicten diferentes paisaxes xeográficas e humanas. Ten poemas excelentes pero a mín gústanme especialmente estes cinco:


Foto de Adela leiro


CEA DAS PANADEIRAS

A Xosé Manuel Quintela


Vou coas vacas á Bauciña.

camiño de Chaudoradas,

a Pazos e os eidos do Ribadal.

Ando nas costas do burro,

Atravesando a Mamuiña,

Cara o liñar de Pereda

e a Ponte de Mandrás

Bebo auga de Manzós e bailo

no San Benito de Souto

Outra vez, na Vila e n’os Ferreiros

hai cativos brincando

e non casas baleiras

Ao muiño das Casasnovas

Imos moe-lo centeio,

xantar ao campo de Oseira

e máis á feira de Cea.

***

No miolo do pantrigo

cabe un mundo enteiro.

Na codela das poias

estrala a ledicia e a festa.

O pan é a lembranza

dun mundo puro e ceibe




Foto de Robert Frank


Harlem NYC


O soño mudou

noxo e pesadelo

grafitos e lixo

vidros rotos

medo

arames de espiño

somieres na rúa

camiña con ollo

e non te confíes

non áfrica brother

é a gran mazá

a que nunca durme

tan preto da 5th

tan lonxe

de todo

miseria

cascallo

xenreiras e ludre

coma un bombardeo

de american peace

na súa propia xente

tan escuro Harlem

coma o seu futuro

tourists aren´t welcome here.



BAVARO BEACH


O Caribe é vizosidade de palmas

de guayabos e guineos e mangles

clorofila que estoura

rente dun mar so nice

praias infindas area de coral

un delirio de estrelamares

aves e golfiños

crepúsculos instantáneos

cara a noite

de bachata e merengue

puro ron en cada trago

mojitos e cocktails

e tamén

casoupas de follalata

na poeira dos camiños

regueiros de ludre

camionetas desvencelladas

que rebordan homes

mulleres arrastrando

toneladas de lenzos

e corpos mulatos

tan fermosos

que agachan no sorriso

de dentes tan brancos

a tristura fonda

da escravitude secular

fosilizada na resposta agradecida

tan inmediata

sempre:

servirle es un placer!

Santo Domingo , 2008



SARAIEVO 1995


Nos parques sangran as flores de noite

de noite non fai fotógrafos nos parques

o mundo divídese entre os que son arrastrados

e os que resisten á barbarie a penas

as noites vérquense como esperma en vulvas húmidas

docemente repetidas para os privilexiados

precisas doses de volume e condición estándar

nos hipermercados é sempre nadal

e se non é como se o fose todo pode comprarse

a guerra é lonxana para os que non morren perto

nada é o que aparenta

toda cabeza ten un prezo

todos os risos son o dentífrico nos hipermercados

o mundo é un megahipermercado húmido

xigantesca cona que acolle todo degoro

dóce veleno do consumo consúmenos

pero nos parques sangran de noite as flores

en Saraievo e máis perto hai vulvas enxoitas

o esperma mestúrase na aterra co sangue

os fotógrafos tampouco poden facer milagres

de noite non hai sequera fotógrafos

nos parques de Saraievo.


Foto de Adela Leiro

O SALGUEIRAL

l-esvara

a iauga

cun ruxe ruxe

de axóuxere

na cadrícula

vertical

da lousa

l-escoitan

bidueiros

acivros

castiñeiros

freixos

amieiros

érbedos

sabugueiros

loureiros

e buxos

e teixos

seu ecoar

na laxe

escoitan sempre

l-ainda

as carballas

os dragos

os tules

tan vellos

escoitan

tan lonxe

porque o tempo das árbores

é tenso

estantío no cerne

durame

tan novo

coma cada folla

que verdece sempre

na cortiza podre

o tempo das árbores

non sabe de nós


A Manuel Busto Madalena

Ningún comentario:

Publicar un comentario