luns, 28 de novembro de 2011

COUSAS QUE NON ENTENDO DESTA CRISE

1) Os países “periféricos” da zona euro, os chamados por mal nome PIIGS (Portugal, Italia, Irlanda, Grecia e España) son os que se atopan en máis dificultades coa súa débeda pública. Pero se consultamos certas estatísticas atopamos que a débeda do goberno (débeda soberana) é dun 67 % en España e dun 81 % en Reino Unido, 83% en Alemaña e 100%! en EEUU. Se miramos o reparto da débeda total dos Estados entre o número de habitantes tamén saen datos estraños: En Grecia cada habitante debe 38. 073 euros, 41.366 España e 66.508 en Alemaña e 117.580 en Gran Bretaña!!. Pero de quen desconfían os mercados é dos PIIGS.

2) Financiar a débeda alemá (bono a 10 anos) costa en torno ao 2% de tasa de xuro (interés) anual, a inglesa un pouco máis, a española sobre o 7% e a grega 50%!!!. Os inversores piden máis xuros para comprar a débeda porque teñen medo de que non lla devolvan, e a ese tipo de xuro como lla van devolver?

3) Aos directivos dos bancos e caixas quebrados non só non se lle esixen responsabilidades civís nin penais senón que se lles premia con fortes indemnizacións, mentres as directrices económicas do FMI e da Unión Europea esixen aos países con dificultades favorecer o despido dos traballadores, baixar salarios e facer recortes sociais. Mentres tanto os mesmos que dirixían as axencias de cualificación (que horas antes de que caese Lehman Brothers dábanlle a AAA de máxima solvencia) e os bancos quebrados son os dirixentes económicos do goberno de Obama (ver a peli Inside Job) e están tamén detrás de moitos gobernos europeos.

DOCUMENTAL INSIDE JOB from juliovillano on Vimeo.


4) En plena crise económica a porcentaxe de persoas que teñen máis dun millón de euros aumentou a 10, 9 millóns de persoas en 2009 (un 8,3 % máis) e mentres que pequenas e medianas empresas están pechando as portas e botando traballadores á rúa os beneficios das 35 maiores empresas españolas subiu un 24,7 % en 2010 (moi recomendable ler Hay alternativas na web de ATTAC).

COUSAS QUE CONSEGUÍN ENTENDER DESTA CRISE

1) Sobre os bancos centrais europeo e americano pesan os prexuízos da historia. Os EEUU sufriron a gran Depresión dos anos 30 que supuxo unha recesión económica sen precedentes e debido á falta de consumo unha forte deflación. Pola contra o Banco Central Europeo, con sede en Frankfurt, ten o recordo seguramente da crise Alemá dos anos 20-30 e a súa hiperinflación. Deste xeito a Reserva Federal americana é mais dada a ter intereses baixos e aumentar o diñeiro en circulación para estimular a economía e evitar unha nova depresión. E o Banco Central Europeo prefire evitar medidas que provoquen un aumento da inflación algo que ademais prexudica aos alemáns que son unha nación aforradora (exportan moito e a súa balanza comercial ten superávit) polo que a Sra Merkel non quere oír falar de nada que poña os aforros alemáns en perigo, co risco de botar abaixo todo o proxecto europeo. Xa o dixo o ex-chanceler alemán Helmut Kohl (conservador como Merkel pero intelixente) que o que el fixera pola construción europea o estaba agora desfacendo a súa compatriota.

2) Hai un dito en EEUU que di que ningún banco ou sociedade lle pode gañar un pulso á Reserva Federal pola sinxela razón de que esta ten a capacidade de poder fabricar todo o diñeiro que queira e iso frea calquera ataque especulativo contra a súa débeda.



3) Recomendo encarecidamente ver o vídeo, diñeiro como débeda, a conclusión á que chega é que en realidade os bancos non teñen diñeiro, senón que prestan o diñeiro que os bancos centrais dos estados fabrican e avalan, e entón por que temos os cidadáns dos estados que pagar aos bancos por un diñeiro que é noso? Curioso paradoxo que non se resolverá mais que pola vía de control dos mercados que ameazan con quebrar todo o sistema (pero sempre ao seu favor). Ou será mellor que rebente todo e empecemos con reglas de xogo novas e sen cartas marcadas? Que tal nacionalizar os bancos e que o Estado preste o diñeiro sen cobrar xuro ningún?. Esa idea apúntase no vídeo do que falei.

Mario Draghi actual Pte do Banco Central Europeo, ex-directivo de Goldman Sachs, banco americano investigado polo Congreso dos EEUU pola súa implicación no estalido da crise financieira

O Banco Central Europeo debería dar un golpe na mesa e dicirlle aos mercados de quen é o diñeiro e non ao revés como está pasando. Témome que isto non vai suceder xa que o actual presidente do Banco Central Europeo é Mario Draghi, ex-directivo do banco americano de inversións Goldman Sachs, que tivo gran protagonismo nas causas da crise grega e que axudou ao seu ex-goberno conservador a falsear as contas para que Grecia entrase no euro.

Definitivamente vamos ter que ser os cidadáns os que demos o golpe na mesa e canto antes se faga, mellor.

ESTE ARTIGO ESTÁ PUBLICADO TAMÉN NA WEB CAMBADOS TK